lunes, 11 de julio de 2022

PEITO Ó ASUNTO

Pois quixen escribir un Pingas pola tarde mentres tomaba un café e foime imposible. Por culpa da suor que caía do meu antebrazo dereito e que, a maiores de mollar o papel do caderno, o brazo pegábase á mesa e non conseguía deslizalo como era debido. E iso que dentro da cafetaría tiñan o aire acondicionado. Así é que non me quedou outra que deixalo para agora, ás nove da tarde/noite, sobre o propio ordenador. Creo que sabedes que me gusta escribir primeiro nun borrador e mentres tomo o café. Así mato dous paxaros dun tiro: tomo o café e non perdo o tempo.


Pois agora mesmo seguen a suarme os brazos, pero coa vantaxe de que non os apoio en nada. Agora tan só estou dálle que dálle ós dedos sobre as teclas pero sen amolarme moito esa suor. Que isto tamén é un dicir; non me molesta para escribir pero a realidade é que seguimos cunha calor sufocante. O corpo enchóupase de tal maneira que a propia humidade afunde nunha molestia con ganas de tirarse a un río, aínda que se afogue un.

Pois só pensar que aínda quedan catro días de inferno, xa dan ganas de deixarse caer nunha cama e non facer absolutamente nada, nin tan sequera limpar de cando en vez a propia suor, xa que custaría unha barbaridade mover un brazo ou unha man. Hai calores que deixan a un sen folgos. Pero, aínda así, e como a vida ten que seguir, hai que botarlle peito ó asunto e aguantar co que nos veña do inferno. Pero nin este inferno será quen de me prohibir saír. E escribir.


Finca Fierro. Luns, 11 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario