jueves, 21 de julio de 2022

NA ESCURIDADE TOTAL

Sento no sofá para ver a televisión. Perdón, para escoitala. Son cego. Perdín a vista a causa dunha labazada que me deron de rapaz nunha troula que realizamos na Pitediña, en Baños de Molgas. Bailáronme tanto os ollos que se marearon. A verdade é que pensei que morría co desgusto. Non é nada fácil pasar da absoluta claridade á escuridade total. Tiven que acostumarme ós golpes. Pero como son duro de roer, seguín para adiante. Que remedio!


Co tempo esparexéronse tanto os outros sentidos que conseguín desenvolverme bastante ben pola claridade da vida. A proba é que, e aínda que vos pareza imposible ou unha esaxeración, conseguín incluso ir para o monte coas vacas e sen axuda de ninguén. Simplemente me agarraba ó rabo da Turina, que era a que me parecía máis formal, e deixábame ir. A ver, algunha vez se me meteron a pacer nas fincas dos veciños, pero, ou ben por un valado ou ben por unha sebe ou ben polos marcos, eu sabía se as vacas andaban ben ou non, é dicir, nas miñas fincas ou nas de fóra. Cando me enganaban chamáballe á Turina traidora. Creo que me entendía porque axiña se botaba fóra da leira na que andase (e con ela as demais) e despois xa todo ía sobre rodas.

Agora non vexo a televisión, pero como se a vira... imaxino as escenas das películas e a situación das xentes no estudio. A min que máis me dá se son loiras ou morenas, as mulleres, e con trazos chinos ou negros, os homes. O esencial é a imaxinación. E eu, como cego que son, teño moita imaxinación.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 20 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario