viernes, 15 de julio de 2022

O EIXE DO MUNDO

Estou esperando a que se deteña o mundo... para poder avanzar eu. Como en principio non se detén e como tampouco a min non me apetece moito avanzar, sigo sentado nas escaleiras e pensando nun mañá. Se é que hai un mañá. Porque tamén sempre oín que como se deteña o mundo... malo! Por en canto, estou ben, con esta nugalla encima e deixo que Fuxan os Ventos lle dean un pouquiño de ritmo á miña vida. A esta miña vida quieta, observadora, nostálxica ás veces e, tamén, si, con carraxe outras.


Estou tan ben aquí sentado, con tanta calma, tanto sosego e con tanto silencio, que noto perfectamente como o eixe da Terra, é dicir, o eixe do mundo se move. De cando en vez tamén oio como funga, como cantaruxa. O eixe do mundo está cheo de tempo e de historia, de moita historia. Tamén eu teño a miña historia que, a de hoxe, é sinxela: chámanme O Sentao porque case sempre estou sentado, e a poder ser nas mesmas escaleiras.

Nelas sigo. Esperando a que se deteña o mundo para eu avanzar. Como non se detén déixome levar polo bambán da Perla Negra en plena alta mar. Por suposto, nin aquí me parece que avanzo porque o espazo semella sempre igual, o mesmo, non ten fin. O topeneo foi tan brusco que case caio polas escaleiras. Foi o ruído do eixe do mundo o que me espertou. Non obstante, faltaría máis, non penso moverme. Por min coma se o mundo non se quere deter nunca. Eu sempre vou ó meu ritmo: quieto parado. E que sexa agora o eixe o que se mova.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 15 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario