miércoles, 27 de julio de 2022

É

É é a terceira persoa do singular do presente de indicativo do verbo ser. É é o poema máis curto que escribín nunca, ó que titulei precisamente É, e que tan só consta dun verso: É. É é o tempo que é, o actual. Ás veces dáseme por falar destas cousas, que son intranscendentes, pero son. Asimilo que é o sol o que quenta e que o asubío que lanzo ó ralentí sae dos meus beizos con tal lentitude que nin é asubío nin é ton musical. É un disparate que me fai quedar mal. Mellor pechar os labios e deixar de asubiar.


É a lúa a que se reflicte nas meniñas dos meus ollos. É a troita que remansa entre as carrancoñas dos amieiros do río Arnoia. É tamén o latexo dun corazón o que vai e vén polas corredoiras dunha vida que é. Tamén que foi. Tamén que será. Ten que ser. Porque non é tan fácil morrer. A proba é que só se morre unha vez. É a persoa que engarra nunha silva sen saber que a ansiedade e o desexo están a esperala ó outro lado da rúa. É a forza dunha atracción bonita e xa eterna.

A señardade é o café que se toma a sorbos curtos mentres as follas das árbores se bambean ante o vento que zoa. Zoa pouco pero é vento. Como é berro aquel que me esgaza a gorxa desde un outeiro. Sempre me gustou berrar desde as alturas. Quizais para que se espalle mellor o berro. Tamén o silencio é bonito. Máis bonito aínda que o berro. É unha marabilla contemplar o universo. E moito máis cando un é o que é, logo do que xa foi. Son eu, é o meu ser, o paspán que non ten que facer.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 27 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario