sábado, 30 de julio de 2022

TRATANTES E INTERMEDIARIOS

Sempre esbardallamos contra os tratantes e intermediarios porque se quedan con parte da operación económica dunha compra/venda de calquera produto. Pola contra, nada dicimos das deputacións, mancomunidades e entidades locais menores, que se pode dicir que son agora mesmo os tratantes ou intermediarios das nosas desgrazas económicas. Porque é unha auténtica desgraza ver como entre todos eses se reparten o pastel. O noso pastel.


O sábado pasado informaba este mesmo xornal dos 313 concellos que temos, das catro deputacións, das 34 mancomunidades e das nove entidades locais menores e que precisamente as mancomunidades son as máis incumpridoras con Contas. E digo eu, para que tanto intermediario, tanto tratante? Por que o Estado non lle entrega directamente o que lle teña que entregar ós propios concellos. Todos sabemos que cando “algo” pasa por intermediarios, e debido ás mans longas que temos, algo dese “algo” sempre queda polo camiño. Sempre.

As deputacións sei que se falou máis dunha vez de derrubalas, pero non hai quen consiga meterlles man, polo que xa case asumimos que hai que aturalas. Pero, a que vén tanta mancomunidade?, tantas entidades menores? Ó final é ben certo iso de asesor do asesor do asesor do asesor e ata o infinito e máis alá. Non nos chega acaso xa cos concellos? É que o dos concellos tamén ten o seu aquel. Antigamente só cobraba o alcalde, e se cobraba (certo, cobraban “doutras maneiras”. Sábese de algúns que entraron montando en burro e saíron con Mercedes e mansións), pero é que agora cobran case todos os concelleiros; mesmo en concellos que co alcalde, un secretario e un administrativo son máis que suficientes para mantelo vivo. Nos concellos, por certo, cobran case todos e aínda así ten que asomar a frase que dixen dos asesores.

Pois agora empecemos a pensar como será o asunto (ou sexa, o ladroízo) trasladando todo iso a todo o territorio nacional (segundo a santa Wikipedia, 8.131 concellos; 1.026 mancomunidades e máis de 13.000 entidades locais menores). Cada vez estou máis convencido de que realmente somos ricos: dámoslle de comer a toda esa camándula e tamén temos para comer nós. Certo, os que temos. Sen máis comentarios...


Finca Fierro. Sábado, 30 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario