lunes, 18 de julio de 2022

OS TEMPOS AVANZAN E CAMBIAN

Os tempos avanzan e cambian. Antigamente, e principalmente no mundo rural, adoitábanse resolver os asuntos de mans, ou sexa, aquelas circunstancias que metían a calquera nunha liorta ou refrega, ó mellor polo valor dunha palla, a base de puñadas e, como moito, facendo uso dos pequenos aparellos que se levaban nas mans, desde unha fouce ata unha gadaña e pasando por un fouciño, unha machada ou un sacho. Unha tranca tamén se usaba moito cando as camorras eran á beira das casas.


Eu mesmo, e non hai moito, botárame ás rúas de Baños de Molgas cun fouciño nas mans para intentar liquidar a todo aquel que se me puxera por diante. Así, polas bravas, facendo coma os cans grandes cos pequenos, porque me dera a gana, porque tiña ganas de cortar cabezas ou pescozos. Collera o fouciño precisamente pola retranca esa da Galicia profunda, porque, que mellor que un fouciño para representar bastante ben o mundo rural.


Pero, xa digo, os tempos avanzan e cambian. A proba está en que o outro día, en Viveiro, alá no norte de Lugo, houbo unha liorta e o fouciño pareceulles pouca cousa, quizais porque, claro, era Viveiro, unha vila que xa é moita vila, é dicir, que xa ten pouco de rural, polo que un dos participantes na pelexa optou por sacar unha motoserra, da que pensaría que daría moito máis medo que un simple fouciño. Ou porque ó mellor xa se sentía máis urbanista que rústico. Ide saber!; a mente humana sempre ten o seu aquel. E menos mal que ó final non chegou a usala.


Finca Fierro. Luns, 18 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario