lunes, 25 de julio de 2022

O PARASITO QUE ESPERA

Son o parasito que senta nunha cadeira e está a velas vir. Pero tamén son o lume que quenta e o frío que conxela. Son o sol, a lúa, a estrela, o planeta, o cometa e o universo sen fin. Son o asubío, o canto, o baile, a música, o concerto, o berro, o silencio. Son o espello no que me miro e me vexo, o balcón desde o que observo e me colgo, e son o tempo que foi e que será. Son a memoria e o recordo, o neno e o vello.

Son río e monte, aira e carreira, torre e lareira, boi e carneiro; son de Baños de Molgas e de Nocelo. Son o mazadoiro no que sento e a burga na que bebo. Son o berro que boto despois do silencio, e o silencio cando remato o berro. Son o bosque, a lagoa, a ponte vella e a Perla Negra, o conto que nunca se acaba e o verso de dúas palabras.


Son a nostalxia que afoga nun vaso de auga e o lóstrego que racha unha galla. Son o latexo que rebenta e o ruxerruxe que non cala. Son ceo, e terra, e limbo, e purgatorio, e inferno, e ánima que vaga coa Santa Compaña. Son un cero á esquerda e unha figura xeométrica. Son a multiplicación dun número redondo. Son a aixada e o fouciño, o carro e a albarda. Son a leira e o marco do eido. Son vento, e néboa, e saragana, e chuvia, e neve, e nube branca, e silencio. Principalmente, son silencio despois do berro.

Son o coche vermello e o sorriso aberto. Son a palabra e o acento, o móbil e o silencio. Son o silencio que cala e o berro que esgaza. Son o parasito que espera.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 25 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario