sábado, 23 de julio de 2022

PREVENCIÓN E RURAL

Aínda que a semana pasada xa comentaba algo sobre os incendios, hai que seguir falando deles porque, precisamente, durante toda esa semana foron a máis. Foron tan a máis que se pode catalogar a semana como catastrófica e letal, moi letal. Este mesmo periódico informaba o sábado de que, en dez días, arderan mil hectáreas máis que nos últimos catro anos.


Pero nos incendios de Valdeorras e do Courel xa case é o de menos o das hectáreas. A gran calamidade estivo nesas aldeas, nesas casas que foron pasto das lapas. Xentiña que, no que dura un refacho de vento, quedaron sen nada. Si, é verdade, agora os organismos estatais e autonómicos porán toda a carne no espeto con varias compensacións, cando todos sabemos que ante a perda dunha vivenda nunca haberá suficiente contrapartida. A cuestión política sempre estará nas compensacións e nas putas fotos deses personaxes que pasan ou que simulan que fan ante as grandes desgrazas.

A ver cando lles entra na cabeza que o que se gasta en compensacións puido gastarse antes en prevencións, en limpezas, en rozas. Díxose sempre que os lumes apáganse no inverno. Pero non, parece que non compensa. Claro, como dicía a semana pasada: moito interese para algúns de que haxa incendios todos os anos.

E agora todos saltan tamén co famoso e real cambio climático, como causante principal desta eiva e da súa duración. Non obstante, eu creo que a auténtica causa está no abandono do rural. Aquí ata o conselleiro de Medio Rural, José González, empeza a caer na conta de que “o medio rural traballado é a mellor protección contra o lume”.

Os lumes sempre empezan abaixo (non nas copas das árbores), e se esta zona estivese limpa non habería tal desfeita. Incendios sempre os houbo. Pero eu recordo aqueles que os propios veciños, nun chiscar de ollo, os afogaban cunhas simples xestas. Porque pouco había para arder. Centos ou miles de animais eran moitas cabezas pacendo que, ás veces, ata non tiñan moito onde, precisamente pola cantidade que eran. Non digo xa nada daquela época nas que os nosos pais ían á busca de leña e chegaban á casa sen un maldito guizo. Por que non o había. Resumindo: prevención e rural. Certo que, agora, o rural xa non o recupera nin Rita a Cantaora, polo que haberá que seguir aguantando esta eiva incendiaria.


Finca Fierro. Sábado, 23 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario