domingo, 31 de julio de 2022

INFERNOS

Volveu o demo a saír do seu cubil. Porque isto é o inferno. En todo. Inferno meteorolóxico. Inferno político. Inferno económico. Inferno social. Inferno incendiario. En plan climático, cando saín da casa, a bafarada de aire quente case me bota para atrás. Non recuei porque xa estaba farto de ordenador e de lectura, e porque, como non, pode caer a casa enriba de min. Así é que lle botei peito á calor e seguín con dirección ós meus vicios: café e periódico.


En plan de inferno social acabo de ler que un italiano asasinou a un pobre vendedor ambulante nixeriano á plena luz do día e a xente gravando co móbil. Algún incluso seica chegou a alentar, a acirrar ó agresor, ó asasino. Nós si que merecemos o inferno. A verdade é que sempre levamos o demo dentro.

O demo asoma coa súa forquita de ferro e pica en nós. E cando algo nos pica rañamos e rañamos ata facer sangue. O demo actúa e Deus só intenta contrarrestar con palabras. Pero lembrade que as palabras lévaas o vento. Mentres que a forquita pica e empurra. Empuxa cara ó inferno.

O inferno económico e o inferno político pódese dicir que van parellos, que van da man, que son cuspidiños. O económico é xa máis que inferno. É arder na impotencia de non poder máis. A miseria aniña nunha vida que é certo que empeza a estar a velas vir.

Sobre o inferno incendiario ou pirómano, que dicir? Nesta época climatolóxica está á orde do día. Inferno nos montes. Inferno nas aldeas. Inferno no rural. Inferno no demo que levamos dentro.


Café Brétema. A Valenzá. Domingo, 31 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario