martes, 26 de julio de 2022

MEDIO PERDIDOS

Pois si, tal como di o título, así pasou. A ver, a orientación, a perspectiva non a perdo nunca; pero hai momentos nos que un non sabe moi ben por onde anda ou, mellor dito, por onde colle. Meterámonos pola carrilleira dun monte e aí empezou o baile, xa que empezaron a aparecer cruces de carreiros e camiños e mal coller uns e mal coller outros. Sabiamos que queriamos ir cara á estrada que sobe de Parada de Piñor ó san Bieito da Cova do Lobo, pero os carreiros podían ou non podían ter continuación. Ás veces non sabiamos se os carreiros eran os das motos, ou da xente, ou dos xabaríns. Logo, para máis aquel, o monte estaba empinado de carallo, polo que era un continuo subir e baixar, subir e baixar. Cando pensabamos que tal carrilleira nos levaba na boa dirección, zas, alí remataba e había que coller outro carreiro máis, que tamén chegaría a rematar, etcétera.


Chegamos a facer bromas incluso con chamar ó helicóptero (eu sabía que máis cedo ou máis tarde chegariamos a algún lugar coñecido) para unha operación rescate de película. Xoel comentou algo dalgún oso, de se escapara de Marcelle. A min non me soa de velos nese parque lugués, nin tan sequera de velos no cántabro de Cabárceno. Como non vexamos xabaríns, lle dixen.

Cando por fin chegamos a unha zona limpa (todo o percorrido da liña de alta tensión), xa sabiamos que acababamos de saír da apurada. Apurada que non nos vai evitar de que, mañá, máis seguro, nos volvamos meter por carreiros e carrilleiras para saber a onde van dar. Como cabras.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 26 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario