miércoles, 20 de julio de 2022

ENTRE OS BARROTES DO BALCÓN

Estou a punto de perder a cabeza. Levo xa tres días con ela metida entre os barrotes do balcón. A verdade, non sei como fixen. Creo que actuei coma un neno pequeno. Penso que foi tan só por probar. E tal proba está a amolarme. Tres días porque, como teño a casa no quinto inferno ou onde o aire dá a volta, non hai maneira de que alguén me veña axudar. É certo que o primeiro día farteime de berrar, no segundo xa desistín por completo e, agora mesmo... nin o carteiro espero. Porque levo anos sen recibir cartas, debido máis ben a que xa ninguén escribe desa forma. Tampouco podo facer uso do móbil, pois, como dixen, actuei coma un cativo: nin tan sequera sei onde o deixei. Panadeiros, froiteiros, peixeiros... por aquí non vén ninguén. Porque sempre fun eu... a onde houbese que ir.


No primeiro día tomei a mofa o asunto. Malo será que non atope a postura adecuada para sacar a cachola. No segundo día mesmo chorei de impotencia e carraxe. De cando en vez aínda solto algún berro, pero sei que o único que consigo será espantar ós xabarís.

Son as seis menos cuarto da tarde e teño que tomar a decisión. Dáse a casualidade de que colgado no balcón teño de adorno un serrón, ese co que, por certo, cortei moita leña de Cristo. Agora non me queda outra que cortar a cabeza. Pois noto como desmaio e non quixera podrecer entre os barrotes. Antes corto a cabeza! E non o penso máis: consigo descolgar o serrón, consigo poñelo sobre o pescozo, consigo pechar os ollos e consigo dálle que dálle.


Café Brétema. A Valenzá. Martes, 19 de xullo de 2022

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario