viernes, 20 de septiembre de 2024

A SOMBRA QUE ME ASUSTOU


A sombra que se me achegou case me asustou. Era dunha pomba e pensei que se me botaba enriba. Acabou aterrando no toldo da terraza, xusto tamén no momento en que eu sentaba na mesa. Vin a sombra tan cerca e a tal velocidade que me alterou o corazón, mesmo o sentido. O descoñecido, ás veces, mete a un nun apuro. Descoñecido porque, antes de ver a pomba, vira tan só a sombra.

Coa tranquilidade xa logo da alteración, tomo o café e incluso deixo que, á causa do asombro, asome un sorriso de consolación. Hai instantes, momentos, ocasións nas que un movemento estraño ou ignoto repercuten ou inciden no sosego do guerreiro. Un guerreiro que, pobre, se asusta dunha simple sombra.


Agora, sen sombra, e xa sen café, observo á propia pomba que, finalmente, acabou na beirarrúa e buscando migallas por entre as mesas para poder levalas ó papo, ó bandullo. Observo, así mesmo, a foto dunha revista que está noutra mesa, como dúas rancheiras sorrín ante unha tractoreta de leña, medio apoiadas, ou máis ben arrimadas, a parede dunha carreira. Non fan sombra porque parece que, elas, xa están á sombra. Aínda que, desde esta distancia, tal perspectiva pode causarme algo de engano. É igual, con sombra ou sen sombra, a foto está no fondo da páxina, á dereita.

Completamente calmado, sigo os pasos da pomba. Porque aínda non marchou e porque cada vez se achega máis a min. Ó mellor quere pedirme perdón polo susto que me deu coa súa sombra. Lánzolle unhas migallas de galleta en sinal de desculpas aceptadas. Cólleas e emprende de novo o voo. E agora si que a súa sombra xa non me alterou.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 17 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario