lunes, 2 de septiembre de 2024

MÁIS QUE PREOCUPADO


Como levaba tempo sen pasar polo meu ex lugar de traballo, collín o coche e para Maceda marchei. Polo camiño escoitei, primeiro, as noticias e, despois, xa puxen música variada. Cando cheguei, nun cruce, tiven un pouco de barullo con dous coches; un arrimouse demasiado para o lado esquerdo (para min, que non sabía moi ben por onde andaba ou ía pendente dalgún oco para aparcar) e o outro vin como quería meterse entre aquel e o meu. Non lle dei opción; crucéilleme un pouco e fun eu o que ganou a posición para entrar primeiro na pequena praza na que aparcaría.


Collín unha cadeira, unha cadeira normal e corrente, e aparqueina de cara, ou sexa, co respaldo contra a parede dunha casa e en posición de poder saír, logo, ben e rápido. Ós dous pasos revolvinme e vin que a cadeira, aínda sen estorbar, quedaba moi cerca dunha vella porta que se notaba que levaba anos sen abrirse. Porén, e habendo sitio, volvín sobre as miñas pisadas e aparquei aínda mellor o carallo da cadeira.

Marchei para o ex lugar de traballo e ó querer pechar o coche vin que non tiña as chaves e que non sabía onde deixara o vehículo. Na praza ben vin que nada de nada. Subín ó Toural, por se aparcara por alí, e tampouco. Atopeime cun veciño de Nocelo ó que levaba anos sen ver. Expliqueille o caso e incluso fixemos bromas sobre o alzhéimer, aínda que eu estaba máis que preocupado: acababa de deixar o coche e non sabía onde! Díxenlle ó veciño que marchaba a mirar na estrada que vai a Ourense, por se o deixara por alí. Foi xusto nese momento cando espertei. Puto soño! Conteino porque me fixo graza o de aparcar a cadeira, coma se fose o coche.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 30 de agosto de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario