sábado, 14 de septiembre de 2024

SE EU FORA RICO


A gran aspiración do ser humano é a de ser ricos. Eu tamén aspiro a ser rico. Porén, vendo que non o son nin creo que o vaia ser, só me queda cantar “If I Were a Rich Man” como Topol en “O violinista no tellado”. Tamén adoitamos envexar ós ricos pola vida que levan. Eu, sinceramente, nunca matei moito a cabeza nesa cobiza, quizais, claro, polo feito de que nin cheguei a cheirar esa situación, esa aspiración.

Non obstante, hoxe recoñezo que si lle teño envexa a Jared Isaacman e a Sarah Gillis por ser tan ricos e porque, desgraciados, ser os primeiros astronautas en saír dunha nave ó baleiro exterior, sen acreditación de ningunha axencia espacial gobernamental. Certo que nin tan sequera deron un paseo; tan só sacaron pouco máis de medio corpo para fóra. Eu se fora rico coma eles, tamén daría o que fose (todo, se fixese falta) con tal de vivir ese momento. Estar aí, nesa situación, e ter esa visual ten que ser practicamente coma un orgasmo. Sempre sentín debilidade polo espazo sideral, polo universo sen fin. Se eu fora rico, choutaría de planeta en planeta e planaría deica o infinito e máis alá.


Se eu fora rico, crearía un exército de seres humanos, non para facer as guerras, senón para acabar con elas. Mandaría a todos eses soldados a aquelas guerras existentes na terra para que destruíran todo o armamento. Se non hai armas, non hai guerras. Pero o negocio das armas é tan lucrativo que... o dito, mellor facerse ricos que evitar mortes, que salvar almas.

En Sudán levan 17 meses de guerra con 20.000 persoas mortas. A que poucos sabiamos desta guerra? Aquí sabemos moito da de Ucraína e da de Israel (cada vez menos, porque xa as temos tan asumidas, que non chaman a atención), pero da de Sudán... Claro, está en África. E como lles queremos tanto ós africanos...


Pois tamén as hai no Sahel occidental, ou sexa, en Bukina Faso, Malí e Níger, onde as xuntas militares combaten sen contemplacións para recuperar terreo controlado polos yihadistas; así como na República Democrática do Congo, que leva varios lustros de conflito e con momentos de violencia extrema. Destas non sabemos practicamente nada.

Se eu fora rico, ó mellor creaba máis guerras... para ser aínda máis rico. Porque a riqueza é tan cobizosa. É tan cobizosa que impera máis para facer o mal que o ben. Creo. Case é mellor non ser rico. Si, dígoo coa boca pequena.


Finca Fierro. Barbadás. Venres, 13 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario