jueves, 19 de septiembre de 2024

ARRINCAR A PEL ÁS TIRAS


Arrinquei a pel ás tiras, ó estilo da camiseta do Atlético de Madrid ou do Athletic de Bilbao, é dicir, tira si e tira non. Fixen como me quería facer miña nai, que sempre me ameazaba con arrincarme a pel. Eu, co paso do tempo, usei esta ameaza cunha amiga moi amiga cando era neniña, pero que agora, non vén ó caso.

Nas tiras que me quedaban sen arrincar prendía chapas desas publicitarias nas que, unha, puña “son eu, que non es ti”, noutra, “mira para adiante, que podes tropezar” e, nunha terceira, “nin río nin choro, mamo”. Había máis mensaxes que agora mesmo non proceden. En total, colgara da miña pel dez desas chapas.


Xa sei que alguén está a catalogarme agora mesmo como masoquista ou algo semellante. A min dáme igual; eu fago da miña pel leiras cheas de regos ou lameiros con herba verde. E se, ás veces, non fago nada con ela é porque non se me ocorren ideas. Non sempre a inspiración aparece en forma de sacrificio. É un sacrificio, unha inmolación arrincar a pel? É unha tolea colgar, dependurar chapas dela? Todo o que vós digades e eu queira.

Quixen arrincar a pel e resistín coma o Dúo Dinámico ese na peste do século XX. E cando me cicatricen un pouco esas tiras espelicadas, arrincarei as demais tiras para quedar todo esfolado e ser o monstro dos masoquistas. Outros tíranse ós toxos e saen bailando un sirtaki imitando a Anthony Quinn en “Zorba, o grego”. Eu arrinco a pel para dicir que non me mete medo nada e que detrás dun día vén outro no que... eu que sei que farei! Son imprevisible.


Rooster Bar. Ourense. Luns, 16 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario