miércoles, 18 de septiembre de 2024

SUBIDA Ó MONTE CALVARIO


O que avisa non é traidor. Vou subir ó monte Calvario cunha cruz de ferro ás costas. E non quero que ninguén me axude. Na primeira estación presentareime. Son Mateo Díaz Santacruz, o fillo da Peseta e do Carracho. Agora mesmo teño 33 anos, coma os de Xesucristo. Na segunda estación deixo que no traveseiro ou patibulum, o que queira, que descargue as súas culpas. Malo será, que non poida con elas. Son de Formigoso, unha aldea de Baños de Molgas, onde tamén cremos no Salvador dos homes. A proba é que cargo con esta cruz de ferro que pesa pero que aguanto; con ela e coas culpas.


Na terceira estación deixo que unha moza me refregue a cara con flores de toxo, que seica son boas para aliviar as penas (ou as parvadas). Estudei nos Milagres, nun colexio de curas, que é o mesmo que dicir que o meu propio calvario vai por dentro. Agora mesmo estou subindo ó auténtico e aguantando as burlas de moitos cristiáns. É igual; eu sigo dálle que subo, que malo será que non chegue ó final.

Na cuarta estación, alguén me berra de atar un nobelo ó madeiro vertical ou stipes para que en toda a subida se desenrole e así descubrir a lonxitude do fío e a distancia que camiño. Cousas máis raras me pediron en vida; como a resurrección dun escornabois que levaba tres días morto onde os penedos de Barricobos. Cando non estudaba nos Milagres araba nas leiras, cavaba os terreos e rozaba as silveiras.

A subida ó monte Calvario consta de 14 estacións, que, coa cruz de ferro ás costas (a de Cristo era de madeira) vaime levar o seu tempo. A cada pouco, paso a paso, confesión a penitencia ireinas contando.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 13 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario