sábado, 7 de septiembre de 2024

O PECADO


O que estea libre de pecado, que tire a primeira pedra. Menos mal que non a tira ninguén. Como todos somos pecadores, habería coiazos a esgalla. Pecamos coas palabras. Pecamos cos feitos. Pecamos coas olladas. Non se sabe cal é a peor falta.

Pero, que carallo, ás veces é bo e bonito pecar. Tanto melindre, tanta finura, tanta delicadeza nin rabo de gaitas. Hai que botarlle forza ó asunto e peito ós actos. Ser auga mansa ou mosca morta non procede. Hai que chupar sangue, rediós! Que tanta bondade nin caralladas desas. Hai que pecar!


Pecamos de gula, pecamos de envexa, pecamos de soberbia, pecamos cos sete pecados capitais. Cando queremos somos o máximo, o non vai máis, os heroes da incongruencia, da perversidade e da impotencia. Agora, cada quen que busque no seu propio interior e que espalle os pecados ó libre albedrío. Seguro que non lle chegarán xanelas polas que expulsalos.

Pecamos coa ollada porque hai miradas que matan, que atravesan e que babexan ante certos encadramentos de certas fotos. Pecamos coa ilusión do que pode ser, aínda que a esperanza se quede niso: en esperanza. Pecamos cun asubío ben lanzado e cun corpo nu, esporranchado sobre un sofá. Mellor sobre unha cama. Pecamos co feito de querer lanzarnos de cabeza sobre o desexo, o auténtico desexo. Pecamos coa palabra feita carne e o degoxo, o anhelo rabuñando nas entrañas.

Se alguén tira a primeira pedra, os demais temos que tirar as seguintes. Porque o pecado está en nós. O pecado somos nós.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Venres, 6 de setembro de 2024

Finca Fierro. Barbadás. Venres, 6 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario