jueves, 12 de septiembre de 2024

DE CORRIDO


Quedo. Marcho. Deixo estar. Non sei que facer. Dúbidas. Silencios. Berros. Bombas. Medo. Ruídos. Cancións. Coches. Árbores. Café. Bolígrafo. Caderno. Ideas. Ideas brancas. Ideas negras. Ideas incertas. Foto dunha ensalada. Noticia política dunha cagada. Goles que caen na portería contraria. Elvis Presley que canta un rock and roll eterno. Unha mosca que molesta. Un desexo que aumenta. Un asubío que se espalla polo Monument Valley de John Ford. Ou de John Wayne. Ou do Oeste de Clint Eastwood e Lee Van Cleef. Móbil na mesa. Apagado. En silencio. Como o silencio dun banco de madeira que se impón, nestes momentos, ó ruído. Berros que mandan ó garete ó silencio. Porque, as veces, berrar alixeira, alivia, calma, mitiga, limpa a conciencia.


Sinais de tráfico. Raias pintadas sobre a estrada, máis ben sobre a rúa. Pombas que andan ás migallas. Sol que choca contra os espellos das galerías. Espellos de baños que se enchen de bafo. Habitación en penumbra. Fíos que cosen ansias. Ansias que aceleran os latexos. Latexos que mancan no peito. Peito de lobo nunha tarde de outono. Corredor de fondo sobre unha folla cuadriculada. Reloxo que marca as 17:14, con 24º de temperatura, con 5.898 pasos que corresponden a 4,38 quilómetros. Camiñante, non hai camiño; faise camiño ó andar. Iso dicía aquel. Eu digo que quedo, que marcho, que dubido e que, en principio, non me movo. Quedo en silencio. Imaxino un conto, un soño, un degoiro, un devezo, unha ilusión,
unha aventura, unha fantasía, unha fábula, unha lenda. A realidade amósame un autobús que pasa, un coche que para, unha moto que aparca. Lenta. Rápida. A vida nin corre nin se queda quieta. A vida está e todo segue igual. Finalmente, marcho.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Martes, 10 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario