domingo, 15 de septiembre de 2024

O ASUNTO


Engurrei o fociño porque o asunto cheiraba mal. Non lle vía moita saída; porén, había que tirar para adiante. Tirei pero cos ollos ben abertos, con sosego, sen medo pero con cautela. Cando algo cheira mal hai que tomar certas precaucións, ou, como se adoita dicir, todas as precaucións son poucas. Eu, por se aquel, actuaba con prudencia; sen pausa pero amodiño.

Miña nai era sabia e dicíame sempre que cando algo cheira é porque hai podremia, ou polo menos empeza a podremia. Eu notaba que o asunto empezaba a cheirar. Non é que fose un cheiro que botase para atrás (a proba é que xa dixen que estaba tirando para adiante), pero creo que a gangrena xa estaba aí. A necrose do asunto.


E canto máis avanzaba, máis engurraba o fociño. En cada paso que daba cara á adiante, xa empezaba a estar máis que arrepentido de meterme ó mar sen roupa de augas, en camisa de once varas. Non sei se non estaría pecando de inocente. Tamén me dicía miña nai: confianzas, as xustas. Eu confiaba de máis. Non era a primeira vez que me dicían que fose, e ía; ou vén e tamén ía. Submiso coma un can de palleiro.

Ser desconfiado nunca foi o meu; e iso que, máis dunha vez, as confianzas déronme de labazadas. Si, aquí estou de novo, pero coa mosca na orella, esa é a verdade. Normal, co paso dos pasos e do tempo, un aprende. Tamén co paso dos pasos e do tempo, o asunto cada vez cheira peor. Danme ganas de botarme para atrás. Sei que aínda estou a tempo. Porén, dáme un aquel non botarlle peito ó asunto. O peor é que, de tanta parola, xa non sei cal é tal asunto, nin de que vai. Mal asunto!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Xoves, 12 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario