martes, 10 de septiembre de 2024

LOA A UNHA DISCAPACIDADE


En Baños de Molgas o meu lugar predilecto de lectura sempre foi pola estrada dos Milagres, ata a altura da Pitediña e, por veces, incluso, ata a Ponte das Cabras. Tan axiña como os amigos remataban coas partidas das cartas nos bares, eu marchaba á casa, collía o libro e, ale, para a Pitediña. Sempre baixaba pola Canella e, case sempre, ó final da mesma, xusto onde empata coa estrada dos Milagres, estaba a Josefa do César sentada á sombra e... esperando a que asomase alguén para falar. A pobre nin tan sequera podía contemplar o ambiente, a paisaxe. Pouco a pouco foi perdendo vista ata que quedou cega.

Cada vez que pasaba ante ela sempre a saudaba, nos saudabamos, e se falabamos algo era porque ela preguntaba cousas. A miña idade e timidez non me deixaban iniciar unha conversación por min mesmo. Pero, iso si, repito, o saúdo nunca llo negaba. Porque me caía ben, porque a vía soíña, porque lle quería e porque era a nai dun amigo.


Un día, cinco ou seis pasos antes de chegar a ela, foi esta quen saudou primeiro: “Xa vas ler, Chito?”. Quedei medio pampo. Como sabe que son eu? “Coñecinte polos pasos”. Aquí xa me deixou abraiado, case sen palabras. Non me esperaba tal frase. Polos pasos!

Sabía do desenvolvemento dos sentidos cando a unha persoa lle falla algún dos cinco coñecidos, pero non con tanta exactitude. Polos pasos! Isto case é como medir a lonxitude do paso, o peso da pisada e a rapidez da marcha. Falamos un pouco, pero a min non me saían da cabeza as tres palabras: coñecinte polos pasos.

A Josefa do César hai pouco máis de dous meses que nos deixou. Sei que os días que entre ó cemiterio me coñecerá polos pasos. Que muller!


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Luns, 9 de setembro de 2024

4 comentarios:

  1. Qué bonito!! Muchas gracias!!! Mi abuela era...bueno es, ÚNICA! Sin decirle que iba, aparecía y me conocía...que pena que los años pasen, que pena que ya no esté con nosotros, que se me fueran ya los dos...pero se agradece cada palabra. Enhorabuena por esa gran escritura que tienes! Un saludo (la hija de tu amigo) Alba

    ResponderEliminar
    Respuestas
    1. Si que era única, Alba. Acórdome moito dela. Foron moitas tardes saudándonos e falando só que fose algo.

      Eliminar
  2. Preciosa historia Chito. Un abrazo 🤗

    ResponderEliminar