jueves, 5 de septiembre de 2024

FEIXE DE IDEAS SOBRE O LOMBO


Un feixe de ideas sobre o meu lombo que, seguro, non saberei espallar nin explicar. É igual; o caso é cargar con algo, aínda que só sexa coa culpa... ou coa esperanza. A esperanza pesará menos; é máis lene, máis avelaíña. Penso. Non sei fixo. Por se aquel, o feixe aínda non o desato. Non vaia ser o demo que as ideas se escangallen sen xeito nin dereito.

Unha recua de temas musicais pexados ó Spotify que me alivian a alma. Agora mesmo o blues do autobús de Miguel Ríos, acompañado por Sabina e algún colega máis. Como a música amansa ás feras, espero que dome tamén esas ideas que sigo sen saber como deixar caer. Para que non se manque ninguén. Sabemos que hai ideas que feren, mesmo que laceran. Cando as esparexa, quero facelo con tino, mansamente, se amolar a ninguén. Si, é difícil, pero todo consiste en saber conterme, en saber reprimirme.


Outro día lanzareinas (as ideas) con carraxe, con rabia e con intención de facer dano. Non sempre hai que ser un bendito. De cando en vez hai que ser antagonista de algo, do que sexa. E ver como se sulfuran algúns, incluso como se cagan de medo. Hoxe non; hoxe toca insinuar, dar a entender que podo ser un anxo ou un espírito maligno. Que teño un feixe de ideas sobre o meu lombo. Que pesa, pero que consigo aguantar. Sempre tiven lombo para aguantar con todo.

A recua dos temas musicais axuda moito na publicación ou non das ideas. En principio, Alberto Cortez dime que sentidiño, que todo chegará; para o bo e para o malo. Sigo, entón, co feixe de ideas sobre o lombo. Por agora, sen espallar, sen ciscar, sen pregoar.


Café Brétema. A Valenzá. Mércores, 4 de setembro de 2024

2 comentarios: