sábado, 7 de septiembre de 2024

NEGRO!: INSULTO OU BERRO RACISTA?


Remataron as novenas dos Milagres. Levo tantos anos escribindo, colaborando neste xornal que nin eu mesmo sei os que levo. E en todos estes anos creo que sempre escribín algo sobre as novenas. Menos este. Por certas circunstancias e porque, realmente, sería repetirme. Con respecto ó significado relixioso, entendo que, a moitos, quizais a maioría, si asuman tal significado. Eu prefiro dicir que sempre seguín a costume, a tradición desas case obrigatorias visitas neses días tan especiais. E con respecto ó, digamos, recinto, creo que todo o mundo sabe xa o que significan Os Milagres para min. De aí que me repetiría en explicacións, en ruxerruxes, en sentimentos, en vivencias e nun longo etcétera Por certo, non escribín nada e tamén foi un dos escasos anos nos que tampouco asistín a ningunha novena. O de escasos débese a dous ou tres que me coincidiron con vacacións fóra da contorna.


Non escribindo nada máis sobre tal excelso acontecemento, tiro pola solución máis fácil, a do fútbol. Deporte do que sempre boto man cando me angustian outras noticias, digamos, dramáticas, como son as das guerras. E guerras famosas aínda temos dúas: a de Ucraína e a de Israel. As africanas, esas non interesan, que son de África.


Vou falar de fútbol, pero, vaia, case diría que relacionado con África. Porque en África, a maioría son negros. E ós negros, aquí, semella que os tratamos mal. Falando claro: racismo no fútbol. Vinicius quere que non se lle dea o Mundial a España se segue o do racismo. Os mandatarios din que non hai racismo. Eu digo que hai racismo. Pero non ese racismo que vemos no fútbol. Para min, o racismo do fútbol son simples insultos. Cando alguén insulta, busca a palabra que máis doe. A un negro bérranlle negro. A un branco, a que máis doa quizais sexa fillo de p... Un afeccionado que lle berra negro a un negro non é por ser racista. Se fora racista non podería ver a algúns xogadores do seu propio equipo. Seguro que cando un negro do seu equipo marca, berrará gol con toda a felicidade do mundo. E hoxe todos os equipos teñen xogadores negros. Ese afeccionado que lle berra negro a un negro, estou por apostar que berrou gol cando marcaron na Eurocopa Nico Williams e Lamine Yamal. O racismo vai moito máis alá de berrarlle negro a un negro. É non admitilo na nosa sociedade porque é negro. É non darlle traballo porque é negro. É miralo con desprezo ou con medo porque é negro. É non darlle acubillo porque é negro... Iso é racismo. O de berrar negro no fútbol é máis un insulto que un berro racista.


Finca Fierro. A Valenzá. Sábado, 7 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario