miércoles, 11 de septiembre de 2024

POLAS GALAXIAS MÁIS AFASTADAS


Ando perdido pola galaxia máis afastada da memoria e non creo que ninguén me encontre. Porque ninguén me busca. Marchei sen dicir nada e subín ó carro de vacas da infancia. Cando sinto que a señardade me rabuña na alma, fago cantar o eixe polas rúas do meu entendemento. Quixen perderme e agora case quero que me atopen.

Quere unha rula ensinarme o camiño de volta, pero un puto falcón asustouna e apartouna do meu pensamento. É igual, xa aparecerá o meu can que, este si, sei que xa me andará buscando. Porque nunca me perdía pé e porque eramos xoguetes o un para o outro.


Aterro nun planeta que non coñezo e que está cheo de outeiros. Corro polos carreiros do seu territorio e, neles, xa me dá igual que me atopen ou non. Bastarame con que chegue o Uriarte. E chegará. Sei que chegará porque cheirará as migallas de ansiedade que vou deixando pola inmensidade do universo e polos camiños dos sentimentos.

Definitivamente, quero perderme por ese sendeiros de desexo. Tamén nas galaxias, no cosmos, os desexos resucitan a un morto. É un dicir; non estou morto. Estou máis vivo que nunca, aínda que, iso si, bastante perdido... sen querer que me atopen.

Atopoume finalmente o Uriarte, o can. Aquí está, á miña beira xa; lambéndome a cara e as bágoas de felicidade que me caeron ó velo. Xa non estou só. Entre os dous seguimos percorrendo as sendas dos anhelos e deixamos que o intelecto nos envolva os pensamentos nun nobelo. Subimos á nave espacial da inocencia e, agora si, perdémonos os dous polas galaxias máis afastadas.


Café Kibu. A Valenzá. Martes, 10 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario