viernes, 6 de septiembre de 2024

O TREN QUE NUNCA PASARÁ


Cheguei a Baños de Molgas ás catro en punto da tarde baixo un ceo bastante gris e co sol asomando ós poucos. No cruce da estrada de Salgueiros mirei para arriba, mirei para abaixo e non vin a ninguén. Pasando a ponte nova xa empecei a notar algo raro, pero sen saber moi ben que. Á altura da burga souben definitivamente que a vila non era a doutros días, ou sexa, a de sempre: aínda non vira unha alma nas rúas. Sei que o despoboamento rural avanza como cabalo de batalla na desolación, pero de aí a non ver un ser humano..., nin tan sequera na residencia da terceira idade, onde sempre están na beirarrúa á sombra, ou a tomar o aire, ou á parola, ou simplemente a contemplar o ambiente; a velas vir.

Subín ó barrio da Igrexa, ó meu barrio, e nada de nada. Nin tan sequera un gato, nin tan sequera un can. Isto xa me preocupou abondo; a maiores de que o silencio impuña. Nunca sentira tanta soidade nese, para min, marabillosos lugar. Nin un maldito ruído. Foi nese momento no que tamén caín na conta que o reloxo da igrexa non tocara as badaladas das catro. Que estaba pasando?


Achegueime deica o cemiterio por se houbera algún pasamento e, alí, o silencio aínda era máis silencio. No fondo, á beira dun nicho, unha pega choutaba en saltiños curtos ata que emprendeu o voo ante a miña presencia. Moitas veces oín que ese paxaro tiña mal agoiro. Todo isto xa cheiraba mal.

Baixei polo Agro e seguín sen ver unha alma. Nin pasaban coches pola estrada principal e os bares estaban todos pechados. Polos parques da Ansuíña e das Mestras, cando pasei co coche, xa notara e vira que non había ninguén.

Marchei correndo cara á estación, o único lugar que me quedaba por visitar. Foi chegar ó parque do Pote cando si oín algo de barullo procedente da propia estación do ferrocarril. Alá marchei. A miña sorpresa foi maiúscula cando vin na plataforma a todos os meus veciños. Respirei con forza e liberado da angustia. Sorrín. Seica estaban esperando un tren que aínda non pasara e que..., o peor, non pasaría nunca. Para eles. Para ninguén. Isto fundiume de novo. Non me quedei máis tempo. Volvín por onde viñera.


Café Kibu. A Valenzá. Mércores, 4 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario