viernes, 13 de septiembre de 2024

“UN XESTO HEROICO”


Contan as crónicas antigas que a mediados do mes de agosto de 1928, o xuíz municipal de Baños de Molgas, Francisco Salgado (creo que transcribiron mal o nome, pois nesa época o xuíz era Florencio Salgado), botouse “con exposición da súa vida”, ó río Arnoia, nas inmediacións do hotel balneario, para salvar a unha nena de 12 anos que estaba a piques de afogar. Como anécdota dicir que meu pai tiña 10 anos e miña nai 7, o que se pode case asegurar que, os tres, podían moi ben formar cuadrilla de xogos, a non ser que a nena fose doutra clase social. Naqueles tempos había clases sociais. Vaia se as había!

Porén, o que máis me chamou a atención da noticia foi a leve (ou avultada) “esaxeración” do cronista ó dicir o de risco de vida por parte do xuíz. A ver, o río Arnoia, ó seu paso por Baños de Molgas, adoita ser tranquilo e moi calmo. No inverno é certo que cando se desborda é máis que perigoso. Mais a crónica é do mes de agosto, xusto cando o Arnoia leva pouca auga; mesmo hai anos nos que a seca é enorme.


Na zona do balneario é precisamente onde a quietude, o sosego do río é tal que incluso custa dicir para onde corre a auga, e poida que a nena, nese lugar, non tocase fondo, pero a un home feito e dereito, no mes de agosto, as augas do Arnoia non o cobren nin agachándose un pouco.

O “xesto heroico do Sr. Salgado”, como repite o cronista, case é mellor que quede no eloxio, iso si, dos presentes por salvar a nena, que esta, si, estaría en verdadeiro perigo. O Arnoia, por ese lugar non é traidor, nin tan sequera perigoso. E moito menos no mes de agosto.

Tamén é certo que hai que desculpar ó cronista. Sempre nos gustou esaxerar ou adornar de máis os relatos, os escritos, as críticas, as crónicas, os artigos, en fin, as noticias. Unha leve esaxeración dálle máis distinción, máis tensión ó asunto.


Cafetaría La Carabela. A Valenzá. Mércores, 11 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario