lunes, 9 de septiembre de 2024

O CARREIRO


O fresco da mañá estaba escrito sobre un ceo gris e, nas alturas, aínda unha pequena néboa que non tardaría en disolverse. Cando deixei de contemplar o ceo e mirei cara ó horizonte, vin o carreiro. Era estreito, profundo, bonito, metido entre dos redondos e fermosos outeiros cheos de flores de toxos.

Os meus ollos brillaron, as miñas ansias creceron e o meu desexo era entrar nel, meterme nel. Mais o temor, o receo estaba no que podería atopar, tanto na súa profundidade como na parte máis inferior do mesmo. Aínda así, cada vez me crecían máis as ansias de entrar nel. Para non acovardarme máis, díxenme de facelo cando asomase un raio de sol, aínda que só fose soñándoo. O sol asomou e os soños déronlle paso á realidade. Entrei no carreiro.


Entrei comodamente, con agarimo, con coidado. As paredes dos outeiros estaban cheas de musgo polo que facían o seu tacto moi suave. Nelas ben podían aniñar as ilusións dun paxaro. Pouco a pouco empecei a baixar por unha paisaxe cegadora e marabillosa. Non tardei en atoparme cunha lomba lene, apracible, que mesmo semellaba que se movía ó compás dos suspiros dunha filosofía tranquila e cachazuda; era coma un bambán de serenidade, de sosego. Algunha que outra flor de toxo espallada pola penela, polo cerro da lomba.

O carreiro remataba nun pequeno bosque que cubría unha lagoa en forma de ameixa, na que, os meus anhelos, os meus gozos se deron un baño de felicidade. Non tardei en optar por saír da profundidade do carreiro. A paisaxe era espléndida e a viaxe fora bonita.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Domingo, 8 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario