lunes, 16 de septiembre de 2024

POLAS CORREDOIRAS


Botei a correr polas corredoiras da esperanza e coa ilusión de atopar a nave ou vehículo espacial dos soños. Soñar por un universo sen fin ten que ser moi bonito.

Cando cheguei á altura das leiras da señardade vin a unha muller regando pementos e demais produtos de horta... descalza! Lanceille un saúdo cun berro seco e aceneille coa aixada das ansias en alto. Deixei escapar un sorriso. Sorrimos os dous. E alá a deixei dándolle de beber ós seus versos.

Subín a un carballo para intentar ver a conciencia na distancia. Esta estaba a botarse ás boleiradas polas ladeiras dun outeiro. Ese outeiro que, case na parte baixa, ten forma de bico do peito. Aí, o devezo sempre vai máis alá do anhelo.


Baixei do carballo e seguín correndo polas corredoiras dunha novela barata, esa na que o protagonista vai e vén, ou sexa, bambea impulsado por unhas ideas estrañas. Agora, cada quen que baile un chotis cunha araña. Ou pode cantar un réquiem coa alma preñada de lama.

Cando cansei de andar polas corredoiras, volvín sobre os meus pasos e vin que a muller seguía regando versos... descalza. No adeus volveron os sorrisos e os desexos dunhas boas colleitas, en forma de poemas... ou de novelas. Seguro que as dela son mellores que as miñas baratas.

Entre a ida e a volta polas corredoiras das inspiracións, nin atopei a esperanza nin a nave ou vehículo espacial que me fixese soñar. Aterrei na realidade do que é e do que está; pero, iso si, preparado xa para unha nova andaina chea de intencións.


Cafetaría Alumbre. A Valenzá. Venres, 13 de setembro de 2024

No hay comentarios:

Publicar un comentario