viernes, 15 de noviembre de 2013

A CULPA É DO CHACHACHÁ


              Chega con palabras soltas ou frases curtas sacadas de todos os xornais que lin o xoves (e algunhas da miña propia colleita) para entender todo o relato deste recuncho. Imos alá. Paripé. Teatro. De coña. Unha carallada. “A sociedade española correrá cos gastos e os galegos sufrimos os efectos e a contaminación” (un mariñeiro). A culpa é de Galicia por ter mar. A culpa é das Rías Altas por estar alí. A culpa é do barco por se afundir. Contaminar sae gratis. Ata nos países de fóra usaron palabras soltas: escándalo, incomprensión. Inxustiza. Vergonza. País idóneo para incompetentes. Pandemonio. Ignominia. Disparate. “Esta xente tivo o barco de paseo oito días e agora a culpa non foi de ninguén?”. A culpa foi do vento. Alucinante. Sorpresa. Falcatruada. Pasmo. Indignante. A culpa é do chachachá. A xustiza non está cos tribunais (claro, sempre estivo coas dereitas). Cachondeo. Burla. Moca. Paula Prado, portavoz do PPdeG: “Algúns quixeron facer carreira política con este accidente”. Neniña, algúns arrincaron no chapapote, envorcalláronse no chapapote e quixeron defender a Galicia da contaminación. Vós acabades de vos alegrar porque se contaminou. Isto si é miseria política. Mamalóns. Mangantes. A xustiza si é coma o Prestige... perde credibilidade a cachón, que é máis ca fiíños. A xustiza española está gangrenada; de aí que teñamos un país podre. Pero a culpa é do chachachá.


              Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 14 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario