lunes, 25 de noviembre de 2013

OS “ACORDOS” MATRIMONIAIS


              Ábrese a porta do café e asoma a bonita cara da nena Ada, a filla de Bárbara Estranxeira, que casara co Teixugo de Alemparte. Non lle sei o auténtico nome porque eu sempre o coñecín con ese alcume. E iso que paso do medio cento de anos. Ada vén cun cacho de pan na boca e coa risa fácil. Aínda que, o da risa, era previsible, pois detrás dela aparece a súa nai xogando coa outra filla, con Calíope. Ese Teixugo ata era teixugo para os nomes. Si, sei de boa tinta que foi el o que lle puxo o nome á rapaza. Así o acordaran desde un principio; o primeiro nome dos fillos escollíao ela, e logo el. Como adoitan acordar todos os matrimonios; os pantalóns lévanos os homes, pero mandar mandan as mulleres. Faltaría máis. As tres mulleriñas sentan nunha mesa e sorrinlle ó camareiro. Dous refrescos para as pequechas e un café con leite para a nai. E mentres beberon, as nenas calmaron. Despois brillaron de novo os seus ollos.


              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 13 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario