jueves, 28 de noviembre de 2013

O RÍO DA VIDA


              Dime o silencio que non faga ruído e eu cántolle unha nana sen son e sen ritmo. Catro ou cinco palabras mal aliñadas para que amortezan, para que debiliten o balbordo duns pensamentos que morren por si só. Cada liña, cada oración é coma unha balsa que navega polas augas mansas, polas augas tranquilas da conciencia. A inercia baixa calada polo río da vida. Dime o ruído que me quede en silencio, e eu fágolle caso. Calo. E penso. Penso no asubío dun suspiro que planou por entre os parágrafos dun conto mal escrito. Porque o maldito arado de pau facía os regos torcidos. Tan só nas mañás do monte Medo o silencio e o ruído, o ruído e o silencio acougaban á beira dun río sen auga, dun río con pozas de auga envelenada. Dime o tempo da infancia que eu, precisamente eu, crucei tres ríos que me mollaron os pés, a conciencia e a alma. O río da vida corre, non obstante, pola estrada da esperanza.


              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 20 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario