viernes, 29 de noviembre de 2013

CONFUNDIR INDUSTRIA CON CALIDADE


              A xente segue unha e outra vez coa ladaíña de que o cine español é unha carallada, que padece unha gran crise de ideas novas e de guións distintos, de que o cine ianqui acada éxito tras éxito en recadación. Imos por partes. Éxitos. Todos os anos hai, como mínimo, tres ou catro películas españolas boas. Moitos non as ven porque... puuufff, cine español! Todos os anos, que alguén busque máis desas tres ou catro no cine americano. Algún axiña choutará cos ránquines, coas clasificacións que se adoitan facer e, claro, só asoma unha ou dúas españolas. Pero, lembremos, son clasificacións económicas. E aí ninguén mete as ideas novas e os guións distintos polo medio. Porque, non analizaremos, por exemplo, Avatar como boa película, digo eu? O seu guión... o seu guión bebe de moitos outros. A moitos pásalles coma os que confunden o volume co son. Na crise do cine español confunden a industria coa calidade, coa arte. A eses agoireiros dígolles que hai tan bo cine en Irán, en China, en España, en Somalia, en Cuba, no Sahara, en Argentina... como en Estados Unidos. O que pasa é que se che meten polo ollo dereito cen películas e cinco polo esquerdo, é normal que gane o dereito. No cine, como no fútbol, como no éxito, como no poder, como na vida os cartos son os que mandan. E hoxe manda Avatar, con toda a súa “calidade”. Sen máis comentarios.


              Café Oren Express da Valenzá. Mércores, 27 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario