martes, 26 de noviembre de 2013

AMIGO DE SEMPRE


              Queima. O café. Acouga, Quintín, e non sexas impaciente. Deixa que arrefríe. Quintín Bolsa Cestas mírame de esguello e nesa ollada xa me di todo. Que qué me importa a min a súa vida. Máis ou menos. Pero claro que me importa; é meu amigo. Amigo de sempre e de por vida, se entende. Si, ten xenio, pero é bo rapaz. O de rapaz é un dicir, claro, pois Quintín anda polos corenta e pico longos. É a inercia dos recordos; como somos amigos de sempre, somos rapaces. Eu tamén son rapaz, aínda que ando máis cerca dos sesenta ca dos cincuenta. Hoxe non toca falar de min. Hoxe o protagonismo é para Quintín que, quente ou frío, xa lle mandou dous tragos ó café. Raio de home, non ten sosego! É fillo do Marañas de Tordelpalo e da Azuleira de Rebordechau. Pero xa hai anos que lle morreron os pais. Eu tamén o sentín moito. Para min, tamén eran coma uns pais. É lei de vida, adoita dicir sempre cando lle falan deles. A Quintín chámanlle O Carretas. Pero non sei por que.


              Café Oren Express da Valenzá. Martes, 19 de novembro de 2013

No hay comentarios:

Publicar un comentario