sábado, 17 de enero de 2015

A LECTURA É UN SENTIMENTO



Ai atrás fíxose unha enquisa sobre a lectura e os seus hábitos. Tan só se me quedou un dato: que a metade dos enquisados só mercaran un libro no último ano. A ver; creo que os tempos non estiveron nin aínda están como para mercar algún máis. O meu caso mesmo. Vai se me gustaría ter libros e máis libros, pero desde que me dei de baixa de Circulo de Lectores non volvín mercar ningún (se exceptuamos algún dicionario) Porque, repito, os tempos non están para elo e porque (cada vez me doe máis) é moi triste ver agora cómo están morrendo de aburrimento e criando po uns dous mil libros ou máis nunhas caixas acochadas no faiado. Non obstante, leo máis ca nunca. Boto man das bibliotecas, e como estas che marcan uns prazos non queda máis remedio que ler e ler para intentan non superar esas datas. De todas formas, a gran pena desa enquisa, a maiores de que se merquen ou non se merquen libros, é que cada vez se le menos. Algúns porán a escusa da internet, na que si se le cando se buscan datos e máis datos, pero… Pero a lectura creo que non é unha liña, un parágrafo, un chiste, unha viñeta, un comentario, unhas instrucións dun xogo… A lectura é unha historia, un libro (con máis ou menos páxinas), un xornal detrás doutro, uns sentimentos. A lectura é soñar e debuxar na imaxinación o que alguén escribiu. A lectura é vivir por ti mesmo coa axuda doutros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario