O humor é coma un espello: o seu reflexo é dramático. O humor sempre ten
un fondo serio. O humor é coma a verdade: que a maioría das veces doe moito. O
semanario francés “Charlie Hebdo” era de humor, ou sexa, serio, é dicir, que
satiricamente cantaba ou, mellor dito, debuxaba as verdades. E estas doéronlle a
uns fanáticos que se escudaron, que se escudan na relixión para levar a cabo un
atentado con varias vítimas mortais. Pensaban eles que con esa acción ían
enmudecer a un periodismo satírico, a unha sociedade con medo a unhas balas.
Pero nunca se falou tanto dese semanario e das súas caricaturas en cuestión.
Nunca se desprezará tanto a uns individuos, presuntamente relixiosos, que, coa
súa barbarie, o único que fan é meter nun mesmo paquete a toda unha comunidade,
a todo unha doutrina, a toda unha raza. Non debemos caer nesa trampa; nin todos
os islamitas son terroristas nin todos os musulmáns son islamitas. Nin todos os
vascos eran terroristas cando actuaba ETA. Nin, agora, todos os nacionalistas
somos terroristas, como intentan clasificarnos algúns. Non deixemos que tres “mataos”
nos corten os sorrisos cando certas caricaturas din máis que todo unha novela.
Hai censuras que se intentan impoñer con sangue. Xa chegan ben aquelas que se
atopan nas corredoiras da liberdade, cando algúns poñen atrancos para que a
maioría non saiban das verdades.
No hay comentarios:
Publicar un comentario