Déitome na nube negra do conto
máis escuro. Quero soñar co raio de sol dunha novela nunca escrita, pero a
apocalipse sorrí por entre as escenas dunha obra teatral. A vida é toda un
teatro. Teatro burlesco, pero teatro.. A vida déitase no xergón das gaiolas de
ferro, mentres a liberdade se engruña no recanto máis negro. Quero upar un
cachiño de esperanza, mais pesa coma unha pedra labrada. Non é fácil acadar un
soneto no que os seus versos rimen cun silencio eterno. Ó mellor é porque a alma
dalgúns é negra. Corro sobre o ruxerruxe dun carballo. Tan só as pegas rompen o
silencio e as doniñas acóchanse por entre as silveiras da indiferenza. A vida é
un toco escuro no que o medo afoga os latexos dun poema que nunca se escribirá.
Quen vai escribir dereito cando todos os regos están torcidos! Xa ves, aí está:
tinta negra derramada sobre un guión que ninguén quere rodar. Tan só queda
esperar en silencio e rezar para que a sociedade esperte. Para que, polo menos,
uns cantos berren. E que berren forte por unha vida que nos queren asfixiar.
No hay comentarios:
Publicar un comentario