martes, 4 de agosto de 2015

A SOMBRA



              Avanza a sombra polo río da esperanza e Farruco Escornabois Letrado bota man da cana de pescar pero axiña lle engarra nunha galla. Badúa polos catro puntos cardinais. E pensa que máis alá non hai nada. E nada hai, porque a sombra apodérase de todo: paso a paso, árbore a árbore, penedo tras penedo. Con parsimonia Farruco consegue desenlear o anzol e a sedela da galla do amieiro e vai río arriba coa intención de probar fortuna de novo. Aínda que sabe perfectamente que todo vai ser en balde. Porque a sombra engule todo. A nada sigue sendo nada. A nada é o latexo da sombra que avanza, é o suspiro da escuridade en plena luz do día. Farruco Escornabois Letrado non entende nada. E menos o lugar no que botar o anzol. Por moito que sigue río arriba, a sombra é moito máis rápida e non deixa claridade con cabeza. A sombra é un lapso de tempo que, simplemente, non conta. A sombra é a nada vestida de soños que nunca se soñaron. Farruco séntese tan perdido, tan ás escuras que recolle a cana e acaba penetrando na sombra. Convértese en nada.

No hay comentarios:

Publicar un comentario