Quedo en silencio tras escoitar o
ruxerruxe da miña propia respiración. Ás veces respiramos con tanta forza que
ata facemos ruído. E se che din que o vaivén dun amieiro se debe a que pasou
voando un saltón, enténdese que teña que respirar con forza. A ver, quen non
queda pampo ante tal acontecemento! Un saltón é pouco máis que un bicho
pequeno, que case non move unha simple herba. Como vai entón abanear un
amieiro! Máis seguro que fose unha esaxeración de Dominico, O Chimpafollas.
Sempre tivo fama de esaxerado. Eu, nun principio, respirei con forza porque
semellaba que falaba en serio. Sempre lle tiven creto ó Chimpafollas. E iso que
o meu pai moito me advertira: “non lle fagas moito caso a Dominico, que é un
tarambainas”. Agora que víao tan modosiño, tan bo home, que crin o do saltón
movendo o amieiro. Naquel mesmo momento vin como aterraba nun cardo molar un
saltón dos máis grandes e a tal herba ou planta nin se moveu. Maldito
Chimpafollas!, como ma meteu, pensei. Quedo en silencio e, agora, respiro compasadamente,
polo que ningún ruído me altera o pensamento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario