Negativamente, sempre sucede algo todas as semanas. Pero esta
que acaba de pasar deixounos dúas feridas que, a maiores, ten visos de non curar
nunca. Os incendios e a violencia machista ou violencia de xénero ou violencia
doméstica. É igual, é violencia. Peor aínda, é máis ca violencia; esta podía
ser uns simples paus, pero vai moito máis alá; tan alá que chega ata á propia
morte.
Os incendios. O culpable, é verdade, sempre é o pirómano.
Pero este case se pode dicir que se ve “protexido” polo asunto político. Cunha
boa política na gandaría e na agricultura moitos montes non terían qué arder. Lembro
nos anos 60 e 70, cando andaba nos montes de Baños de Molgas coas vacas que, as
probes, ás veces, nin tiñan que pacer. Tiñan todo máis peladiño ca unha
baldosa. Normal, xuntábanse máis dun cento de vacas pacendo. Todo o monte lles
era pouco. Agora, por exemplo, Pinouzos xa está feito un bosque. Non hai vacas.
E haberá menos. Cantas granxas de leite pecharán? A agricultura non ten onde
caer morta. Cantas viñas se abandonan? Todo iso será bosque. Hai que axudar á
agricultura e á gandaría, e non ir en contra delas, como se está indo.
A violencia machista. Isto xa non ten nome. Creo que son 23
as mortes que van no ano. Demasiadas para ser vítimas coas que o propio asasino
conviviu ou aínda convivía. Tamén aquí a culpa é, por suposto, do asasino. Pero
tamén, politicamente, se deberían tomar outras medidas. Non hai espazo para
analizalas. Non creo, pero oxalá que estas dúas feridas cicatricen algunha vez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario