Déixome levar polo asubío dun
merlo. Nunca me sentirei só. O silencio é o mellor amigo da soidade e o ruído é
a sombra do bulebule. Brincarei polas corredoiras de Baños de Molgas e
arrastrarei os pés polas beirarrúas da Finca Fierro. Quizais non todos os soños
son pesadelos nin todos os recordos bailan baixo a luz da lúa vella. Sempre
quedará un raio de sol para acariñar a realidade dun consolo... ou a cuadratura
dun círculo. Déixome levar polos acordes dunha banda sonora. Nunca durmirei
diante dunha pantalla branca chea de imaxes, ou chea de soños que alguén soñou.
Xa sei que ninguén imaxina un mundo cheo de momentos alegres porque a realidade
é coma un camiño escuro que avanza cara á un pozo sen fondo... aínda máis
escuro. E por moito que choute o pardal, a conciencia dun pasmón seguirá
amorfa. Canta xente ten conciencia? Canto silencio hai na realidade dun vivir
sen vivir? Déixome levar polo latexo dun bolígrafo e os catro versos que asoman
din que a vida é algo máis que un reloxo colgado dunha parede branca. A banda
sonora dun escrito marca o ritmo do que xa foi, do que é, do que será. Silencio
no bulebule dun pensamento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario