miércoles, 12 de agosto de 2015

CO SABOR DUN CAFÉ



 
               Martes, 11. Once e vinte da mañá. Festivo en Maceda. Lectura, entón, polas beiras do Barbañica, na Valenzá. Calquera hora é boa para escribir. E máis se se acompaña co sabor dun café. Así tamén descanso un chisco do pé esquerdo. Ó andar moi avagariño a causa da lectura, non sei por que, todo o peso do corpo recae sobre ese pé esquerdo maldito. Maldito polo do calo, claro. Agora mesmo ferve. Pero é que non aguanto un carallo sentado nun banco ou nunha pedra ou nun beirado... se o fago, leo unha páxina ou dúas e, ale, a andar de novo. Nin tan sequera consigo ler sentado un capítulo.
               Once e media. Xa tomei o café. Pero segue o seu rico sabor. Sobre a barra do bar descansa o libro “Milena o el fémur máis bello del mundo”, de Jorge Zepeda Patterson. Á beira do libro, os anteollos, porque xa hai tempo que, para escribir, teño que quitalos. Un que vai vello. E tamén á beira do libro e dos anteollos, a caixa cos panos de papel. Sobre un deles estou escribindo. Dixen xa algunha vez que, xeralmente, escribo nos panos de papel das cafetarías. Pois iso. Pasan dous minutos das once e media. Imos de novo alá: lectura ó canto e peso no calo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario