Calquera noticia importante, ou moi importante, que asomase a
semana pasada en calquera medio de comunicación é auga de bacallau en
comparación co acontecido o venres pasado en Moraña, na provincia de Pontevedra.
O pai que matou ás súas fillas de catro e nove anos cunha serra radial e por
vinganza á súa ex muller impresiona de tal maneira que bota por terra todo o
acontecido en Galicia ata ese momento. En ocasións ata se pode opinar que ós
parricidas cruzáronselles os cables para realizar esas masacres. Pero a este de
Moraña, e se é verdade que lle deixou unha carta escrita á súa ex contando o
que ía facer, xa non se lle pode buscar un motivo ou un arrinque de loucura
porque o tío planeouno xa de antemán. Entón, a este nin se lle cruzaron os
cables nin se volveu louco de repente; simplemente que tiña o sangue envelenado
ou era xa un espírito maligno en si. O nome de asasino quédalle curto. Non me
estraña que polas pantallas televisivas asomasen rostros de persoas (a
alcaldesa incluída) cheos de bágoas, porque a noticia emociona a calquera que
teña un chisco de corazón, e con maior motivo se as vítimas son cativos.
Imaxino que agora andarán os psicólogos e xuíces e demais estudosos da
personalidade humana buscando un motivo para tal parricidio, cando eu creo
perfectamente o motivo do pai: vinganza, simplemente vinganza. E deu onde máis
doe: nos fillos, e para máis aquel, cativiños. Dígoo unha vez máis algúns temos
o demo dentro.
No hay comentarios:
Publicar un comentario