domingo, 23 de agosto de 2015

DESPOIS, PASA O QUE PASA



              Coxea a pomba. Quenta de raio. Un neno xoga na beirarrúa. Outro, nunha cadeira, ten o chupete na boca. Seguro que lle sabe a gloria. As dúas nais sentan na mesa contigua á miña. Estamos baixo a sombra dunhas antucas, pero a calor acumulada é moita; polo menos, polo menos uns corenta e pico graos, algo así coma se ardera o mundo. Arder arden os montes. Por culpa dos pirómanos, da Xunta e do Goberno. Algúns pensarán que esaxero, pero eu digo que non. Os nenos están a merendar. Outra pomba arredor de min. Acabo de botarlle as faragullas de biscoito que me puxeran co café. Gloria pura! Para ela, que está petiscando toda garbosa. A xente pasa toda acalorada. Dixen que quenta de raio? Pois iso. Noutra mesa, tres mozocos bebendo cervexa. Un deles coa mochila tirada no chan. Limpeille mellor o prato do biscoito á pomba. Petiscou, ergueu a cabeza e ben notei que me daba as grazas cos ollos. Os rapaces marchan. Outro deles leva unha bolsa onde chocan botellas. Adiviña, adiviñanza… botellón “á panza”. Pena. Demasiado novos. Despois, pasa o que pasa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario