viernes, 7 de agosto de 2015

FUXIR COMO O DEMO Á AUGA BENDITA


 
               As pingas de licor nadaban sobre a barra de mármore do bar. Glauco Buxán Mar, O Saleroso, sentou no tallo e pediu un café con leite. Xusto cando botaba os brazos coa intención de apoialas sobre o frío mármore, viu as pingas. A reacción do Saleroso deixou ós clientes coa boca aberta: fuxiu como o demo á auga bendita. Non liscou do bar, pero si marchou para a punta máis afastada do mostrador. Co seu ímpeto mandou o tallo ó chan e deu a imaxe dun louco con arroutadas. Acomodado na nova situación, examinou a fondo a barra. Non quería outro contratempo desagradable. Non quería fuxir de novo como o demo á auga bendita. Glauco Buxán, O Saleroso, non soportaba o alcohol ciscado. Perdón, o que non soportaba era o cheiro a alcohol. Certo, que é o que máis cheira nun bar? Pero como di el, hai cheiros e cheiros; e canto máis cerca, máis forte é o cheiro. Non tolera o alcohol. Tan só ó lonxe o asimila e o acepta. De aí que fuxa del como o demo da auga bendita. Tan axiña como lle explicou á camareira o motivo da fuxida, esta, medio avergonzada (pensaba que era unha indirecta), marchou lixeira a limpar aquel recanto do mostrador. O Saleroso xa tomou o café a gusto.

No hay comentarios:

Publicar un comentario