martes, 25 de agosto de 2015

CAMIÑO DE NON VALER



 
               Non teño ganas de nada. Nin tan sequera de escribir. Pero escribo. Porque teño que facelo. Poño os anteollos e miro para a xente. Quito os anteollos e escribo esa última frase. Agora volvo poñelos para outear o panorama. Vaia traballo! Estes ollos!... que se cansan, coa idade. Todo vai a menos. É certo, imos camiño de non valer un carallo. Ó que máis medo lle teño é, precisamente, á vista. Por se non consigo ler. Por se non consigo escribir. O de escribir..., non sei, pero pode facelo alguén por ti. O de ler..., non sei, nunca me chistou moito que me leran. A atención íaseme por outros camiños. Necesito ver esas letras, percorrer esas liñas, asaltar os parágrafos. Non teño ganas de nada. Nin de escribir. Pero xa levo medio relato. A ver!, os compromisos obrigan. Poño e quito, poño e quito. Malditos anteollos! Maldita vista! Maldita idade! Xente que pasa. Follas que se moven impulsadas polo vento. Ruído de coches. Nenos que corren. Sigo o ritmo da música coas pernas. Bendita música! Síntome áxil! En todo; fisicamente e mentalmente. Tan só a maldita vista me fai pensar na idade. Síntome áxil xogando cos cativos. Síntome áxil cavando, sulfatando, andando, incluso correndo. Tan só a vista vai a menos. Tan só a vista cabalga cara á desesperación.

No hay comentarios:

Publicar un comentario