jueves, 13 de agosto de 2015

RITMOS MUSICAIS



 
               Ritmo de jazz para un concerto que se celebra nos carreiros da soidade e soño compartido na sedela dunha vida por pescar.Tragos de café quente que baixan pola gorxa e que berran entre os asubíos que volven de revés o mundo. Poucas cousas hai dereitas neste val de lágrimas e poucas nadan por enriba dunhas sabas brancas.
               Ritmo de muiñeira na almofada dun soño e descanso nunha pedra seca co mofo asomando por entre as súas estrías. Quen fora pinga de auga para lavar a cara oculta da lúa! Quen puidera rematar o cabañón que se empezou a segar alá polo amencer dunha discordancia! Xa sei que ninguén entende o ruxerruxe do cano dunha fonte ou o correo electrónico dun desexo que, pouco a pouco, morre.
               Ritmo de rock para un tempo que xa é historia, no que o latexo dunha galla de carballo analiza toda unha infancia compartida entre a ledicia duns xogos e o medo dunha educación demasiado opresiva. Eran outros tempos. Tempos de concertos acústicos baixo o fogar dunha lareira.

No hay comentarios:

Publicar un comentario