martes, 18 de agosto de 2015

HAI QUE APERTAR O SEDEÑO


 
               O silencio que reina entre as catro paredes dunha convivencia racha en reproches que semella que non teñen fin. Quizais estamos ante unha burbulla que, á forza, ten que rebentar. Porque hai palabras que doen e hai miradas que o din todo. Ninguén se salva dunha refrega cando a soga empeza a podrecer. Cóspense palabras que nin tan sequera imaxinamos que existen e botamos lume polos ollos porque a rabia avanza máis cá mente... e non sabemos que dicir.
               Sentas na beira da cama ou na cadeira da cociña e pensas nun tempo en que as relacións ían vento en popa, e pregúntaste unha e mil veces por que se torce a carga do carro. Quizais porque non se apertou ben o sedeño. Quizais porque o camiño é demasiado ladeado. Sempre houbo camiños cheos de fochancas e con atrancos de penedos. Para salvar eses obstáculos, todo consiste en aplanalo. Levaría tempo, mais pouco a pouco, a maioría das veces conséguese. Xa se sabe que tras a tempestade chega a calma e que o río sempre volve ó seu leito.

No hay comentarios:

Publicar un comentario