martes, 11 de agosto de 2015

NADA DE BUSCARLLE TRES PÉS Ó GATO



              Case sempre vexo pasar coches. Cando miro para a estrada e pasan. Hai veces que miro pero non pasa ningún. Entón, se quero velos pasar, teño que esperar a que pasen. Pura lóxica, non si? Así debería ser todo, é dicir, con lóxica, con sinxeleza e nada de buscarlle tres pes ó gato. Case sempre damos moitas voltas para nada. Os que máis, os políticos. Cando se produce un incendio empezan que tumba e que taramba, que arre e que xo; con sinxelo que é dicir: prevención. Pero claro, iso que é? Ó non saber o que é, arrodean e arrodean ata atopar o camiño máis recto. Nunca o atopan, claro, porque en cada curva do que están percorrendo engarran con lerias podres, con truques e retruques de enchufismo e dilapidación. Cando falan da baixada do paro, buscan aquelas etapas nas que, por unhas ou outras causas, asoma algo de traballo. Co sinxelo que é ir ó miolo da cuestión. No caso de buscar o camiño recto é atallando, e punto. Se non hai camiño recto faise un dereito e xa está. No caso do paro… polos a traballar buscando as caixas B. Aquí si hai traballo ben remunerado.

No hay comentarios:

Publicar un comentario