miércoles, 19 de agosto de 2015

HEROE NO MONTE MEDO




               Cans pola rúa. Nenos xogando. Unha nube cubre o sol. O autobús deixa exactamente a tres pasaxeiros. O aire ergue a esquina de La Región, que está dobrada sobre a mesa. Doulle a volta e cámbioa de posición. Neniño, quen teme ó lobo feroz? Sorrío porque penso nos meus cativos, pois cada vez que falamos do lobo sóltolle aquela historia de... “unha vez nun outeiro de Sudalomba pelexei co lobo”. Coñecen pouco de Baños de Molgas, pero prometo que o outeiro coñéceno ben. Ó ir ou ó vir dos Milagres nas Novenas, xa uns cantos metros antes son eles os que, agora, soltan aquilo de... “si, aquí foi onde pelexaches co lobo”. E todos rimos a cachón. A letra con sangue entra, dicían antigamente. A miña pelexa co lobo saíu da miña boca tantas veces que cheguei a aburrilos. Sinceramente, non pelexei co lobo pensando na morte da ovella; fíxeno por medo á nai... calquera lle chegaba á casa sen a ovella! Seguro que me zurraba, que me atizaba e me acusaba de descoidado. Sorrío outra vez porque esta historia xa foi contada e, imaxino, seguirase contando. A ver!, aínda que fose cagadiño de medo, por unha vez fun heroe no monte Medo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario