viernes, 15 de enero de 2016

A CHEA DO RÍO AVIA



 
               A verdade é que os asolagamentos dos ríos estes días pasados foron espectaculares. Nas redes sociais imperaban as fotos sobre cheas e fervenzas de auténtica impresión. Os medios de comunicación non quedaron atrás informando e ensinando eses ríos que anegaban terreos e incluso construcións. La Voz de Galicia quixo informar e ensinar tan ben a chea do río Avia que a fixo realmente espectacular, impresionante, incrible e, claro, imposible. Segundo o rotativo, ese río que pasa por Ribadavia desbordouse de tal maneira que chegou ó parque das Mestras e ó parque Ansuíña de Baños de Molgas. Incrible! Cando vin a foto da pasarela que vai da Pitediña ás Mestras e cando lin o pé da mesma, optei por pensar nun erro tipográfico. Pero cando se me deu por ler a crónica seguía o periodista informando sobre a imposible riada do Avia en Baños de Molgas. Non é a primeira vez que o digo: que ás veces, incluso moitas veces, escribimos de oídas. Non somos quen de pararnos un chisco e consultar nomes ou dicionarios ou atlas; co fácil que é hoxe tendo o San Guguel á man. Por certo, ó día seguinte non vin ningunha corrección de erratas nese xornal. Que máis dá! Outro por certo, por Baños de Molgas pasa o Arnoia, non o Avia.

               Café Oren Express da Valenzá. Xoves, 14 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario