sábado, 23 de enero de 2016

ESES MOMENTOS DE SOÑAR ESPERTO


              O inverno digamos que non é a estación propicia para ler por fóra, paseando. Pero a tarde de hoxe hai que recoñecer que está espléndida e, claro, aproveitei. Logo de ler este xornal e tomar un café baixei para o paseo do río Barbañica e emprendín o percorrido pola zona dos Carrís. A temperatura era a apropiada para pasar con certa alegría as follas, as páxinas de “No ceo non hai cervexa”, do arxentino Carlos Salem. O libro non vai máis alá de entreter, pero pásame como con todos ou como coas películas: que sempre confías nunha frase ou nunha escena pola que digas que o día de hoxe xa mereceu a pena. Certo que nas películas é máis complicado; hainas que desde o primeiro momento sabes que nin dez boas escenas a salvarán da queima. Os libros son distintos; nunca sabes se na seguinte páxina atoparás algo que te faga soñar realmente. Ademais díxeno sempre: coa lectura debuxas ti os personaxes, as situacións, todo; mentres que as películas danche todo feito. E onde estean eses momentos de soñar esperto, que se quite todo o demais. Pois, ale, sigamos lendo nesta tarde espléndida.


              Café Paseo de Ramoleox da Valenzá. Xoves, 21 de xaneiro de 2016

No hay comentarios:

Publicar un comentario